Astronomía na beirarrúa: agosto 2009

31.8.09

Descubrindo o Universo, na Pobra

A actividade convocada por "Cielobarbanza" para o pasado sábado día 29 foi todo un éxito.
Centos de veciñas e veciños da Pobra do Caramiñal e persoas que visitaban a vila achegáronse até a praza na que estaban instalados máis de vintecinco telescopios e acompañáronnos até ben pasadas as dúas da madrugada. A Lúa, Xúpiter, a preciosa estrela dobre Albireo e a galaxia de Andrómeda foron os protagonistas da noite.

Participaron na convocatoria asociacións de astrónom@s afeccionad@s de toda Galiza.

Imaxe: instalando os telescopios á tardiña.

Etiquetas:

22.8.09

27 de agosto: Marte do mesmo tamaño que a Lúa?


Desde o ano 2003 circula periodicamente pola rede un correo lixo anunciando que na noite do 27 de agosto Marte vai estar tan perto da Terra que se poderá ver a simple vista co tamaño da Lúa chea. Por desgraza e por fortuna, é un bulo sen fundamento. Por desgraza, porque certamente sería un espectáculo precioso, se fose posíbel, que non o é. Por fortuna, porque se Marte estivese tan perto da Terra como para velo sen telescopio dese tamaño, os efectos de marea rematarian probabelmente con todos nós.

Se vos chega un correo anunciando este "fenómeno" non o reenviedes. É puro spam. Quen queirades saber máis sobre a orixe deste fraude, botádelle un ollo ás interesantes páxinas:

- Marte com o mesmo diâmetro aparente da Lua? (Ciência Viva, PT)
- The Mars hoax (Wiki-EN)
- Mars Hoax Returns (Sky and Telescope-EN)

Desfrutade dos preciosos ceos de verán e animádevos a participar nalgúns dos encontros e noites de estrelas que se están a calebrar por toda Galiza! O próximo, o sábado 29 de agosto na Pobra do Caramiñal (máis info noutro post deste blog)

Etiquetas:

16.8.09

E o sábado 29... na Pobra do Caramiñal !

Convocada pola asociación Cielobarbanza, o sábado 29 de agosto terá lugar na Praza Maior da Pobra do Caramiñal unha xornada para celebrar o Ano Internacional da Astronomía.

Pola mañá haberá observacións do Sol entre as 11h e as 13h, e xa pola noite, de 22h a 02h, haberá proxeccións, charlas, sorteos de planisferios e unha observación do ceo para todas as persoas que o desexen, utilizando os telescopios que alí montará Cielobarbanza coa participación de telescopios de toda Galiza.

Para ver toda a información fai clic aqui.

Pásate por alí!

Etiquetas:

Xuntanza de Telescopios en Ourense

(Foto da web do diario "La Región")

A Xuntanza de Telescopios na noite do pasado día 13 na Alamenda de Ourense convocada pola asociación Ourense Astronómico foi todo un éxito.

Coa participación de afeccionados de varias localidades galegas, estivemos até ben pasada a medianoite desfrutando do que o ceo nos ofrecía: o que máis chamou a atención foi Xúpiter, doadamente visíbel este mes desde primeiras horas da noite no horizonte Leste.

Parabéns e grazas aos convocantes, polo ben que o pasamos, e tamén á Banda Municipal ourensá, porque non che nada hai como ver o ceo acompañados por boa música...

As novas en "La Región":
- Presentación
- O día da actividade

Etiquetas:

10.8.09

Choven estrelas

Esta semana tedes dúas convocatorias interesantes:

- O mércores 12 o Clube de Astronomía "Vega" organiza unha quedada para ver a chuvia de estrelas coñecida como "as bágoas de San Lourenzo" (Perseidas). Será a partir das 22h no compostelán parque de Belvís. Colabora o Concello de Santiago.

- E se andas por terras ourensás, non cho perdas: o xoves 13 a Asociación "Ourense Astronómico" ten convocada unha Concentración de Telescopios de toda Galiza, na Alameda de Ourense, coa colaboración das concellarías de Xuventude e Cultura. A partir das 19.30 haberá unha exposición de astrofotografía e en canto anoiteza, aló polas 22h, os telescopios estarán a disposición das veciñas e veciños que desexen contemplar o precioso ceo de verán.

Etiquetas: